- O evento, dedicado á música e ó baile tradicional, celebrarase mañá sábado 28 de xullo, na Praza Castelao de Rianxo.
- Entre os participantes seleccionaranse dúas agrupacións que formarán parte do cartel do Festival de la Luz.
- A Asociación de Desarrollo Local Deloa organiza este festival coa finalidade de poñer en valor o patrimonio inmaterial do territorio.
A Praza de Castelao de Rianxo acollerá, mañá sábado 28 de xullo a partir das 21:00 h, o II Festival Interritmos: Baile e música tradicional. Serán un total de dez agrupacións de baile e música tradicional as que se suban ó escenario do festival tras terse inscrito a través dunha convocatoria realizada pola Asociación de Desarrollo Local Deloa. Os grupos participantes, que interpretarán unha obra musical ou unha peza de baile de estilo tradicional, son os seguintes:
- CANTAREIRAS AIRES DE BARBANZA (RIBEIRA, A CORUÑA).
- CHARANGA RETRANQUEIRA (AMES, A CORUÑA).
- PANDERETEIRAS QUEIXUMES DOS PINOS (OURENSE).
- GRUPO DE BAILE A.C. RETRANQUEIROS (AMES, A CORUÑA).
- TREMELIQUE (O ROSAL, PONTEVEDRA).
- TRIOPRATA (TEO, A CORUÑA).
- RETRANQUEIRAS (AMES, A CORUÑA).
- OS MERSENARIOS (VALGA, PONTEVEDRA).
- CANTAREIRAS MADIALEVA (PORTO DO SON, A CORUÑA).
- M.T. SUEVIA (PORTO DO SON, A CORUÑA).
De entre todos os grupos participantes seleccionaranse cinco finalistas, que terán dereito á gravación dun single e un vídeo promocional nun estudio de gravación profesional da provincia da Coruña. Á súa vez, de entre os finalistas seleccionaranse dous gañadores do Concurso Cultivando Música que formarán parte do cartel do Festival de la Luz 2018 que se celebrará en Boimorto entre os días 7 e 9 do próximo mes de setembro.
O xurado do certame estará composto por Santiago Lafuente Castromán, representando á Asociación Cultural Festival de la Luz; Che Vázquez Suárez, experto en música tradicional e construtor de trompa galega e instrumentos tradicionais; e Julia Pozo Méndez, da Asociación Cultural A Regionalista. En nome da Asociación de Desarrollo Local Deloa actuará como secretario, con voz pero sen voto, Guillermo Vergara Muñoz, Vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
Tras as actuacións e durante a deliberación do xurado, as agrupacións de música e baile participarán nunha foliada que se alongará ata a medianoite.
O “II Festival Interritmos: Baile e música tradicional” está dirixido a potenciar a recuperación e a posta en valor do patrimonio inmaterial, da música e baile do territorio de actuación da Asociación de Desarrollo Local DELOA e conta coa colaboración do Concello de Rianxo e do Festival de la Luz. A iniciativa enmárcase dentro da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, xestionada, nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro, Padrón, Rois, Lousame, Outes, Muros, Noia e Porto do Son pola Asociación de Desarrollo Local Deloa.