- Deloa anima ás entidades do territorio a adherirse ao GDR e a participar activamente na elaboración da estratexia
- A entidade celebrou a asemblea xeral no Pazo de Goiáns en Boiro, na que se aprobou a presentación da súa candidatura como entidade colaboradora da Agader para a xestión da medida Leader de Galicia 2023-2027.
Na Asemblea da entidade, celebrada o pasado 28 de xuño no Pazo de Goiáns, en Boiro, aprobouse a presentación da candidatura da Asociación de Desarrollo Local Deloa, como entidade colaboradora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a xestión da medida Leader de Galicia 2023-2027.
Na mesma xuntanza, destacouse a importancia da participación das diferentes entidades do territorio na elaboración da estratexia, e informouse do “principio de portas abertas” que rexe na entidade, á vez que se animou a aquelas entidades do territorio, que cumpran os requisitos para ser socios, a adherirse ao Grupo de Desenvolvemento Rural, así como a participar activamente na elaboración da futura estratexia.
Poden formar parte do GDR as entidades e administracións públicas, as comunidades ou mancomunidades de montes veciñais en man común, as asociacións e organizacións profesionais, as entidades sen ánimo de lucro, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas, as sociedades agrarias de transformación e as sociedades laborais.
As entidades que se adhiran deben ter implantación local ou provincial, con presenza directa nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Padrón, Rois, Dodro, Outes, Porto do Son, Lousame, Noia e Muros e deben acreditar, como mínimo, un ano de actividade no mencionado ámbito territorial.
Todas aquelas entidades interesadas en asociarse ao GDR, poden facelo a través da páxina web da Asociación Deloa https://www.deloa.es/socios/ ou chamando ao teléfono 981 817 000.