A COOPERATIVA XUVENIL MOIRA, RECIBE UN PREMIO PARA A POSTA EN MARCHA DO SEU PROXECTO COOPERATIVISTA
O pasado mes de xullo, tivo lugar no Pazo de Goiáns, en Boiro a presentación dos proxectos cooperativistas que xurdiron en dúas das accións formativas que se desenvolveron ao abeiro do convenio subscrito entre a Asociación de Desarrollo Local Deloa e a Escuela de Organización Industrial, que ten por obxectivo formar á mocidade desempregada e darlles a coñecer as posibilidades de autoemprego e emprendemento colectivo no sector do Márketing Dixital, aportando formación práctica e describindo as características dos pasos a seguir para a creación dunha cooperativa.
As seis propostas que se presentaron foron: Crescendo, un proxecto integrado por cinco persoas mozas, unha cooperativa feita por artistas para artistas. Miralma, integrada por 4 persoas mozas, que se presenta como unha axencia de márketing dixital, dedicada a comunicar a responsabilidade social das empresas, enfocada principalmente a pequenos comercios locais, U-bop, integrada por dúas persoas, é unha cooperativa xuvenil que ofrece a empresas de hostalería e lecer unha mellor presenza dixital, Tune Up, tamén integrada por dúas persoas, enfocada no sector industrial, Templum, con 4 integrantes, enfoca os seus servizos a empresas relacionadas co sector da construción e Moira, integrada por 5 persoas mozas, preséntase como un proxecto de márketing dixital consciente, co obxectivo de posicionar a empresas sostibles no mundo dixital.
De entre os proxectos presentados, premiouse á cooperativa MOIRA, con 60.000 euros, para a posta en marcha da súa idea de negocio no sector do márketing dixital. Este premio está enmarcado nun convenio asinado entre a Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza.
O xurado encargado de outorgar o premio estivo constituído por Eva Curto, en representación da EOI, Manuel Vázquez (Deputación da Coruña), José Ramón Romero (Concello de Boiro), Xacobe Galbán (membro da cooperativa Kracia, premiada en 2022) e Isabel Pernas, representante do sector do cooperativismo de Galicia.
No acto contamos coa actuación do grupo Paraíso Canto. Un proxecto participante na aceleradora Sonsemerxentes desenvolvido pola Fundación paideia Galiza e a Xunta de Galicia.
E rematamos cunha degustación de produtos do territorio, a cargo da Muradana (Muros).