Hoxe tivo lugar, na Esclavitud, Padrón, unha asemblea xeral da Asociación, onde ademais de modificar os seus estatutos se deu de alta a dous novos socios e se incorporou ao concello de Noia como membro da Xunta Directiva.
A Asociación de Desarrollo Local Deloa celebrou hoxe mércores unha reunión da súa Asemblea Xeral, na que estiveron presentes, a Presidenta de Deloa Dna. Sandra Ortega Mera, os alcaldes de Pobra, Padrón, Noia e Outes, as alcaldesas de Lousame e Muros, así como representantes dos concellos de Ribeira, Boiro, Dodro e Porto do Son, entre outros.
Entre outros temas, aprobouse a modificación dos estatutos da Asociación para adaptalos á convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento local, e para a selección e recoñecemento dos GDR como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia, cofinanciada polo FEADER, no marco do PDR de Galicia 2014-2020.
Outro dos puntos da orde do día foi a incorporación do concello de Noia á Xunta Directiva de Deloa, quedando constituída por un total de 20 entidades, das cales 8 pertencen ao sector público e 12 ao sector privado.
Incorporáronse dúas novas entidades como socias de Deloa, polo que ascenden a 69 as entidades que conforman a Asociación. 13 públicas (os 12 concellos do ámbito territorial de Deloa máis a Deputación provincial de A Coruña) e 56 privadas.
Para finalizar informouse sobre os dous proxectos postos en marcha pola Fundación Paideia, a Asociación Deloa e a Escuela de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, que teñen como beneficiarios directos a emprendedores das industrias culturais e, a mozos inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil.