A proposta inclúe 4 proxectos produtivos e 3 non produtivos que se executarán ao longo de 2018 e 2019
O Grupo de Desenvolvemento Rural, Asociación de Desarrollo Local Deloa celebrou hoxe martes unha reunión da súa Xunta Directiva, na que estiveron presentes, a Presidenta da Asociación Deloa, a alcaldesa de Outes, os alcaldes Rianxo, Porto do Son, Rois e A Pobra do Caramiñal, así como representantes dos concellos de Lousame e Riveira. E representantes da Asociación Misela, a Asociación de Amas de Casa de Riveira, o Club Náutico Deportivo de Riveira, a asociación de empresarios de Riveira, a Asociación Amicos, a Asociación da Industria da primeira transformación da madeira, FEGATUR, a Comunidad de Montes de Olveira e a Asociación Xuvenil Integrados.
Os asistentes á Xunta Directiva aprobaron a proposta de resolución dos expedientes presentados ao Leader na primeira convocatoria da anualidade 2018.
Dos trinta e tres proxectos presentados aprobáronse, por concorrencia competitiva, un total de sete proxectos. Catro deles de carácter produtivo, dous de carácter non produtivo promovidos por entidades privadas e un de carácter non produtivo promovido por entidades públicas. Os proxectos restantes atópanse en lista de agarda e concorrerán novamente á convocatoria de 2019.
Os proxectos subvencionados son de diversa índole. Así, os produtivos son: a creación dun obradoiro de masas doces e salgadas en Noia, a posta en marcha dunha clínica de fisioterapia en Porto do Son, a creación dun tanatorio en Serra de Outes e a posta en marcha dunha liña industrial para a fabricación de vigas laminadas en madeira de pino e castaño en Rois. Estas catro iniciativas crearán 13 novos postos de traballo e consolidarán outros 13 xa existentes. A creación de emprego está dirixido maioritariamente ao colectivo de mulleres e mocidade.
En canto aos proxectos non produtivos, a creación dun albergue en A Chainza en Noia, a restauración dun retablo na igrexa de San Mamede en Rois e a compra dun vehículo de transporte adaptado en Riveira.
O investimento total dos proxectos aprobados ascende a 1.987.766,84 euros. O importe da axuda pública é de 735.444,80 euros. O que supón que se comprometan a totalidade de fondos públicos dos que dispón o grupo de desenvolvemento rural (GDR) Deloa, na presente convocatoria de proxectos.
Informouse, ademais, do desenvolvemento do Festival Interritmos celebrado en Rianxo o pasado sábado 28 de xullo e no que resultaron finalistas cinco agrupacións (Suevia, Tremelique, As Retranqueiras, Os Mersenarios e Trioprata). Dúas delas (Suevia e Tremelique), formarán parte do cartel do Festival da Luz 2018.