- Este xoves 30 de xullo abre o período de inscrición no concurso Interritmos: Sons no Rural, dirixido a agrupacións e solistas de música tradicional ou de raíz.
- As artistas e bandas interesadas en participar deberán enviar unha maqueta ou gravación a través da páxina web interritmos.deloa.es antes do 20 de agosto.
- Un xurado profesional elixirá as 3 propostas gañadoras, que terán dereito á gravación dun tema e un videoclip nun estudio profesional, ademais de protagonizar unha actuación en directo e en solitario nun dos concellos do territorio Deloa.

Este xoves 30 de xullo, a Asociación de Desarrollo Local DELOA abre o período de inscrición no concurso Interritmos destinado a solistas e agrupacións, dun máximo de 8 compoñentes, dedicadas á música tradicional ou de raíz. A inscrición, para a que os participantes terán que cubrir un formulario e enviar unha maqueta ou gravación a través da web interritmos.deloa.es, permanecerá aberta até o 20 de agosto. Un xurado profesional seleccionará as 3 propostas gañadoras que poderán gravar un tema e o seu videoclip nun estudio profesional, así como protagonizar unha actuación en directo nun dos concellos do territorio DELOA: Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.
A presente edición, enmarcada dentro da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, evoluciona para adaptarse á situación pola que actualmente pasan as artes escénicas ao vivo. Baixo o título Interritmos: Sons no Rural, levamos á rede o formato concurso que en anteriores edicións desenvolvíase en directo nas prazas das vilas do territorio DELOA. Sen embargo, non esquecemos a importancia de desfrutar da música en directo, polo que se continúa a incluír como parte do premio ao que poden acceder as 3 propostas gañadoras.
Para poder participar, os solistas e grupos candidatos deberán subir un tema (dunha duración máxima de 2 minutos 30 segundos), sexa unha gravación ou unha maqueta, á plataforma de inscrición habilitada na web interritmos.deloa.es. A data límite para a inscrición é o 20 de agosto.
Unha vez pechado o prazo de inscrición, un xurado profesional de excepción, formado por Olga Kirk, Pablo Díaz e Miguel Sotelo, seleccionará as 3 candidaturas gañadoras do premio que, entre os meses de setembro e outubro, poderán gravar un tema e o seu videoclip nun estudio profesional de gravación, así como protagonizar unha actuación en directo e en solitario nun dos concellos do territorio DELOA.
Interritmos está dirixido a potenciar a recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial musical do territorio de actuación da Asociación de Desarrollo Local DELOA.
A Asociación DELOA constitúese coa finalidade de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento das comarcas do Barbanza, Sar, Noia e o concello de Muros, para vertebrar os diferentes sectores socioeconómicos e constituír un foro de debate continuo sobre os problemas da zona, prestando especial atención á mocidade, as mulleres, a protección do medio ambiente e a creación de emprego. Para a medida LEADER GALICIA 2014-2020, DELOA é a organización responsable da xestión das axudas no seu territorio. Actúa ademais como entidade colaboradora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).