O pasado sábado tiveron lugar no Náutico de San Vicente do Mar, parte das actividades enmarcadas no proxecto INTERRITMOS SONS DO RURAL, ás que asistiron máis de 90 persoas, entre elas os presidentes dos 3 Grupos de Desenvolvemento Rural que promoven o proxecto, Dna. Sandra Ortega Mera, Presidenta da Asociación de Desarrollo Local Deloa, D. Juan Manuel Vidal Seage, presidente do GDR Salnés Ulla Umia e D. José Manuel Arias López, presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, así como membros das súas xuntas directivas.
A xornada comezou coa celebración da charla coloquio titulada Hai futuro! O relevo na música tradicional, na que Luis Pardo, presentador do programa Hoy por Hoy de Cadena Ser Galicia, entrevistou a Marcos Bárcena, cantante e compositor cántabro e na que se abordou o tema do relevo xeracional na música tradicional e de raíz.
Pola tarde tivo lugar o concurso musical no que participaron os seis finalistas de INTERRITMOS SONS DO RURAL. O xurado formado por Marcos Bárcena, Olga Kirk e Pablo Díaz foi o encargado de seleccionar aos dous grupos gañadores PARAÍSO CANTO e CHARANGA TRÉBEDE, que ademais da gravación dunha peza musical e un vídeo promocional nos Estudios de Grabación Mans de A Coruña, realizarán un circuíto musical en vivo, o día 2 de outubro ás 19.00 horas na Praza de España, no concello de Porto do Son, o día 8 de outubro ás 18.00 horas, na Aldea Modelo de Trascastro (O Incio) e o 9 de outubro ás 13.00 horas no conxunto etnográfico das bodegas centenarias de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón).
O grupo de música tradicional Albariza, da Asociación Cultural A Regionalista, encargouse de amenizar a xornada.
Ao igual que nesta primeira xornadas, as actuacións de Porto do Son e Ribeira Sacra-Courel, estarán acompañadas da celebración de coloquios e charlas sobre distintos aspectos da evolución da industria cultural e da música tradicional. O día 2 de outubro, terá lugar, na praza de España (Porto do Son), a charla Herdanzas e sons: cociña da festa, da man de Montse Riveira de Leilía, o día 8 de outubro, na aldea modelo de Trascastro (O Incio) será Susana Seivane, a que participará na charla coloquio que leva por título Encaixes e co-protagonismo da música tradicional / de raíz nos espazos da festa, para finalizar o día 9 de outubro, no conxunto etnográfico das bodegas centenarias de Vilacha de Salvadur (A Pobra do Brollón), con Xabier Díaz que falará sobre Novos camiños: transmisión dixital da música tradicional / de raíz. Luis Pardo, será o encargado da moderación de todas elas.
O programa completo das actuacións e xornadas están publicados na web https://interritmos.deloa.es.
Nesta edición INTERRITMOS SONS DO RURAL promóveno os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Salnés-Ulla-Umia e Ribeira Sacra-Courel, entidades colaboradoras da Consellería de Medio Rural en virtude do convenio firmado coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), no marco da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020.







