O evento unirá música, formación e gastronomía e está organizado pola Asociación de Desarrollo Local Deloa.
O concello coruñés de Porto do Son acollerá os vindeiros 16 e 17 de xuño o festival “Interritmos. A nosa música”, un evento transversal e interdisciplinar que integrará propostas musicais, audiovisuais, formativas e gastronómicas.
O festival “Interritmos. A nosa música”, pretende converterse nun motor estratéxico para o desenvolvemento económico, social e cultural do territorio. Durante os días 16 e 17 de xuño, a Praza de España de Porto do Son acollerá actividades musicais de agrupacións tradicionais e de folk do territorio. A Asociación de Desarrollo Local DELOA que promove un desenvolvemento sustentable para as comarcas de Barbanza, Sar, Noia e do municipio de Muros, leva a apostar activamente pola salvagardar do patrimonio inmaterial a través das súas músicas.
O evento contará coas actuacións de Suevia, Chorimas de Queiruga, Axóuxeres de Miñortos e Anduriña, ós que se lle sumarán máis agrupacións que completarán o cartel de música tradicional. Sumarase ademais unha representación de grupos emerxentes de estilo pop-rock. Polo momento están confirmados Bala, Say my name e Jules&The Wolf.
O programa complétase coa xornada formativa sobre a Innovación da industria musical aplicada a música tradicional e ó folk así como a Xornada Divulgativa do Programa LEADER que incluirá unha degustación de produtos locais. Ámbalas dúas, celebraranse no Centro de Interpretación Castro Baroña de Porto do Son o venres 16 e o sábado 17 de xuño respectivamente.
Dentro do programa inclúese a gravación dun audio-vídeo promocional do festival coa finalidade de que este sirva de ferramenta para transferir o valor do patrimonio inmaterial a través da música tradicional, ó tempo que servirá para a difusión e promoción do territorio.
Innovación e Emprendemento
“Interritmos: A nosa música”, é unha proposta baseada na innovación e no emprendemento e pon en valor a música tradicional e a cultura en xeral, sendo estas as bases sobre as que se artella o desenvolvemento sustentable do territorio a nivel económico, social e medioambiental.
A iniciativa está organizada pola Asociación de Desarrollo Local Deloa a través do programa Leader Galicia 2014-2020. Conta ademais coa colaboración do Concello de Porto do Son, Kutxabank e Fundación Paideia.