INTERRITMOS SONS DO RURAL, na súa edición de 2021, desenvolveuse como un proxecto de traballo en rede, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Salnés-Ulla-Umia e Ribeira Sacra-Courel, entidades colaboradoras da Consellería de Medio Rural en virtude do convenio firmado coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), no marco da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 e que busca a potenciación do patrimonio musical galego.
Un total de 17 grupos presentaron as súas maquetas a través da plataforma habilitada ao efecto para participar no proxecto, dos cales, o xurado composto por Julia Pozo, Olga Kirk e Pablo Díaz foi o encargado de seleccionar aos seis finalistas que participaron nun CONCURSO MUSICAL o 25 de setembro no Náutico de San Vicente do Mar.
No Náutico tivo lugar a selección dos dous gañadores desta edición, os cales, ademais de participar en circuítos musicais en vivo en Porto do Son o 2 de outubro; na aldea modelo de Trascastro, o 8 de outubro e no conxunto etnográfico das bodegas centenarias de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), o 9 de outubro, gravaron unha peza musical e un vídeo promocional nos Estudios de Grabación Mans de A Coruña.
Así, o 2 de outubro de 2021, no auditorio da Casa da Cultura de Porto do Son, tivo lugar a actuación de Paraíso Canto e da charanga Trébede. O día 8 de outubro, levouse a cabo, na aldea modelo de Trascastro no Incio o concerto de Paraíso Canto e o día 9 de outubro, no conxunto etnográfico das bodegas centenarias de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), o de charanga Trébede. En ambas ocasións estiveron acompañados da Banda Folk de Ribas de Sil 3.0, ademais, o día 9 de outubro actuaron as pandereteiras da escola de música da Pobra de Brollón. Os asistentes, puideron degustar produtos autóctonos, ao rematar as actuacións.
Interritmos sons do rural, rematou o día 29 de outubro en Bóveda, coa actuación da Banda Folk Ribas de Sil 3.0 e do grupo de gaitas O Recanto de Quiroga. Susana Seivane acompañounos nesta ocasión. Finalizando esta xornada cun magosto.
Como novidade nesta edición, as actuacións estiveron acompañadas da celebración de coloquios e charlas sobre distintos aspectos da evolución da industria cultural e da música tradicional. O día 25 de outubro, no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove), a xornada comezou coa celebración da charla coloquio titulada Hai futuro! O relevo na música tradicional, na que Luis Pardo, presentador do programa Hoy por Hoy de Cadena Ser Galicia, entrevistou a Marcos Bárcena, cantante e compositor cántabro e na que se abordou o tema do relevo xeracional na música tradicional e de raíz.
O día 2 de outubro, levouse a cabo a charla Herdanzas e sons: cociña da festa, da man de Montse Riveira de Leilía, o día 8 de outubro, na aldea modelo de Trascastro (O Incio) foi Chema Cebeiro, o que participou na charla coloquio que levaba por título sons tradicionais: transformación e adaptación, mentres que o 9 de outubro, no conxunto etnográfico das bodegas centenarias de Vilacha de Salvadur (A Pobra do Brollón), con Xabier Díaz falouse sobre Novos camiños: transmisión dixital da música tradicional / de raíz. Luis Pardo foi o encargado da moderación de todas estas charlas coloquio.
O proxecto chegou ao seu fin o día 29 de outubro en Bóveda, sendo Susana Seivane, a que participou na charla coloquio titulada Encaixes e co-protagonismo da música tradicional / de raíz nos espazos da festa, moderada, nesta ocasión por Marga Pazos