LEMBRANZAS DO INTERRITMOS
Coas actividades levadas a cabo o 6 e o 7 de outubro en Samos e As Nogais, respectivamente, finalizamos a edición de 2023, do proxecto de traballo en rede Interritmos Sons do Rural.
Nesta edición, un total de 21 grupos se inscribiron no proxecto. O xurado, formado por Patricia Hermida, Santiago Castromán e Chema Cebeiro seleccionou a 10 finalistas que participaron nunha audición en vivo no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove).
Resultaron gañadores, nesta edición Leni Pérez & Roberto Comesaña, Fixe Trío, As Lembranzas e Maghúa. Como premio, ademais de tocar no Festival da Luz, en Boimorto, realizaron circuítos musicais polos territorios dos Grupos de Desenvolvemento Rural participantes no proxecto. O 1 de xullo actuaron en Friol, o 15 de setembro en Frades, o 22 no Pazo de Goiáns, en Boiro e os días 6 e 7 de outubro en Samos e As Nogais. Tamén gravaron un tema e un vídeo e recibiron 500 euros como premio, por cada un dos circuítos musicais nos que participaron.
Todas as actuacións estiveron acompañadas de espazos de debate e reflexión sobre diversos aspectos da música e da cultura. No Náutico, acompañáronos Fernando Campos e Ovidi Graells, conversando sobre os sons nos directos. Xosé Ambás e Olga Kirk, estiveron en Friol falando sobre as recollidas de campo de música tradicional. En Frades, a charla versou sobre a evolución da cestería tradicional, da man de Álvaro Leiro e Rosa Oliveira. Sandra Alvite e Mª José González Roncero, conversaron, no Pazo de Goiáns, sobre a importancia do sombreiro na vestimenta do traxe tradicional. Vanesa Muela e Felisa Segade, faláronnos en Samos, sobre os mal chamados “instrumentos pobres”, para finalizar en As Nogais, da man de Xaneco e Fran Allegre conversando sobre a zanfoña.
Interritmos Sons do Rural é un proxecto de traballo en rede, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Salnés-Ulla-Umia, Asdecomor, Ribeira Sacra-Courel e Comarca de Lugo, entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a xestión da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 e que busca a potenciación do patrimonio musical e cultural.