DELOA ORGANIZOU O FALADOIRO “Extraendo todo o valor dos datos no rural. O caso do sector lácteo”, no marco do proxecto Paisaxes Intelixentes
O 19 de setembro, tivo lugar no restaurante O Secadeiro, no Lugar de Banzas, Concello de Outes, o faladoiro que levaba por título “Extraendo todo o valor dos datos no rural. O caso do sector lácteo”.
O faladoiro nace da necesidade de aumentar a conciencia, o coñecemento e intercambio entre saberes expertos científico-técnicos e saberes no terreo. Debateuse entre a importancia (ou non) da dixitalización e a análise dos datos para o desenvolvemento rural.
Participaron no mesmo, David Vázquez, responsable na Gandería Mouro SCG (Santa Comba), Teresa Bronchales e Rafael Dios, da explotación A Bouciña S.C. (Rois) e Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de montes de Baroña (Porto do Son). A moderación correu a cargo de Antonio Sartal. Profesor de Enxeñería en Organización da Universidade de Vigo.
Tamén contamos coa actuación do emprendedor musical Xandre Millet, participante no proxecto de traballo en rede Interritmos Sons do Rural.
E rematamos cunha degustación de produtos a cargo do restaurante O Secadeiro, no Lugar de Banzas, Concello de Outes.
O faladoiro está enmarcado no proxecto de cooperación Paisaxes Intelixentes, que ten por obxectivo intervir no eido da recuperación de paisaxes tradicionais, contribuíndo, entre outros, a desenvolver a mobilidade de terras, á recuperación de cultivos e novas formas de produción en contornos dos núcleos rurais, deseño de cintos verdes, ou inicio de procesos de transición enerxética nas aldeas do rural. O proxecto está coordinado polo GDR Ribeira Sacra-Courel, e no que participamos como socios os GDR, Asociación de Desarrollo Local Deloa, Costa da Morte, Asdecomor e Terras de Compostela.
A próxima cita será o vindeiro 26 de setembro, na casa da cultura de Mazaricos, na que terá lugar unha xornada formativa a cargo de Antonio Sartal, que leva por título “Aspectos relevantes da dixitalización no ámbito rural: Como aprender sobre a valorización dos datos no sector”. Posteriormente haberá unha visita a un caso real de aplicación, a Granxa Pazos, co obxectivo de ofrecer unha visión integral da dixitalización no ámbito rural, a través dun proxecto exemplo de valorización dos datos no mesmo.