O evento interdisciplinar está organizado por Deloa e o GALP Seo Fisterra Ría de Muros-Noia
Os concellos coruñeses de Porto do Son, Noia e Outes acollerán do 2 ao 4 de setembro o festival “Interritmos: Ritmos na Ría”, un evento transversal e interdisciplinar que integrará propostas de ocio, artes escénicas, cine e música en diferentes espazos públicos.
A iniciativa, presentada este xoves en Outes, está organizada pola Asociación Deloa e o GALP Seo Fisterra Ría de Muros-Noia e conta coa colaboración dos tres concellos implicados, así como de Kutxabank. Na presentación participaron os rexedores de Outes e Noia, Carlos López e José Santiago Freire, respectivamente, a tenente de alcalde de Porto do Son, María José Maneiro, a xerente do GALP, Manuela Oviedo, a directora da oficina de A Coruña de Kutxabank, Montserrat López, e o vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara.
“Interritmos, Ritmos na Ría” é unha proposta baseada na innovación, o emprendemento, a aposta polos recursos creativos de Galicia e a participación activa da poboación local. Na programación terán cabida diferentes xéneros artísticos como a música pop-rock (que será o protagonista do venres día 2), as artes escénicas e actividades infantís (sábado día 3) e a música tradicional (domingo día 4).
Segundo explicou Guillermo Vergara, trátase dun evento “experimental” que nace cos obxectivos de ser un motor de desenvolvemento sustentable, de promover a diversidade e de estimular a economía local, promocionando conxuntamente os tres concellos.
O vicepresidente de Paideia apuntou ademais que se fomentará o emprendemento cultural, tendo en conta que as labores de xestión do festival son realizadas polos alumnos do programa de formación e emprendemento en Industrias Culturais e Creativas que Paideia ten actualmente en marcha.
Concellos 100% implicados
Durante a presentación deste xoves, Vergara fixo especial fincapé na “implicación ao 100 por cen” dos concellos de Porto do Son, Noia e Outes, ao tempo que puntualizou que as aportacións do GALP e Kutxabank son igualmente “produtivas”. “Seguro que o evento continuará en próximas edicións e se consolidará como unha referencia”, vaticinou.
Pola súa parte, os representantes dos tres concellos coincidiron en mostrar o seu desexo de continuidade para unha iniciativa que sen dúbida contribuirá a dar a coñecer e valorizar a tradición e valores culturais destes territorios.
Finalmente, a directora da oficina de Kutxabank manifestou o compromiso da entidade no campo social e tivo palabras de apoio e felicitación para os emprendedores que están participando na formación en industrias culturais de Paideia.
Programación
O festival concíbese cunha programación de tres días e en tres espazos diferentes. O día 2 a actividade desenvolverase en Porto do Son, onde se celebrará unha batalla de bandas de rock e actuará o grupo Suevia. O broche final desta xornada porao un artista coñecido, cuxo nome se desvelará máis adiante.
O día 3 será a quenda do concello de Noia, que se convertirá no escenario de diversas propostas de artes escénicas, e teatro infantil. Tamén haberá un concurso de pintura mural, un certame de curtas e visitas teatralizadas a edificios emblemáticos do concello.
O día 4 o festival trasladarase a Outes, onde se aproveitará a Festa da Vitalla para, de forma harmónica, incluír música tradicional, cun certame de bandas que contribuirá a amenizar o coñecido festexo.