
A xunta directiva do GDR realizará e remitirá a Agader, tendo en conta o procedemento de selección e priorización de proxectos definido na estratexia, unha única proposta de selección de proxectos motivada, con data límite do 30 de xuño de cada ano, para as solicitudes de axuda presentadas ata o 31 de marzo de cada ano.
Dita proposta incluirá unha lista dos proxectos que se subvencionarán, ordenados de maior a menor puntuación e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía de proxectos. En caso de empate de puntos, terá prioridade o proxecto con data e número de rexistro de entrada anterior no rexistro do GDR.
Unha vez realizada a proposta de resolución pola xunta directiva do GDR e no caso de existir crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha segunda proposta de adxudicación de axudas ata o límite máximo do crédito dispoñible, con data límite do 31 de agosto de cada ano, coas solicitudes presentadas ata o 31 de maio de cada ano e que, en todo caso, conten co ICE verificado por parte de AGADER.
As propostas de resolución de concesión da axuda emitidas pola xunta directiva do GDR, nas que se inclúa unha relación de proxectos para os que se propón axuda, incluirán, no caso de que existan, unha lista de agarda (ordenada de maior a menor prioridade) formada por proxectos que conten co ICE verificado por Agader e para os cales non exista crédito dispoñible na anualidade.