A ASOCIACIÓN DELOA MANTIVO DIVERSAS REUNIÓNS COS SEUS ASOCIADOS
Durante os últimos meses, mantivemos reunións coas entidades socias de Deloa, coa finalidade de retomar o contacto e implementar conxuntamente a nova estratexia de Deloa, aprobada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da intervención Leader e que se xestionará nos vindeiros anos.
Puxemos en común as diferentes actividades que están a desenvolver os socios e as que desenvolvemos desde o GDR, e tamén nos trasladaron e recollemos, as problemáticas coas que se atopan no seu día a día.
A maioría das entidades que forman parte de Deloa, seguen en activo e interesadas en seguir a formar parte do GDR para traballar no desenvolvemento do territorio. Tamén houbo quince entidades que manifestaron o seu interese en darse de baixa. Polo que na actualidade, Deloa, está conformada por cincuenta e oito entidades socias, de diversa índole.
Entre elas, atópanse os doce concellos, asociacións culturais, medioambientais e forestais, sociais, empresariais e veciñais do ámbito territorial de Deloa.
A participación das diferentes entidades do territorio na elaboración e na implementación da estratexia é fundamental, polo que, na entidade, rexe o “principio de portas abertas”. Todas as entidades do territorio, que cumpran os requisitos para ser socios, a adherirse ao Grupo de Desenvolvemento Rural, poden facelo.
Poden formar parte do GDR as entidades e administracións públicas, as comunidades ou mancomunidades de montes veciñais en man común, as asociacións e organizacións profesionais, as entidades sen ánimo de lucro, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas, as sociedades agrarias de transformación e as sociedades laborais.
As entidades que se adhiran deben ter implantación local ou provincial, con presenza directa nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Padrón, Rois, Dodro, Outes, Porto do Son, Lousame, Noia e Muros e deben acreditar, como mínimo, un ano de actividade no mencionado ámbito territorial.
Todas aquelas entidades interesadas en asociarse ao GDR, poden facelo a través da páxina web da Asociación Deloa https://www.deloa.es/socios/ ou chamando ao teléfono 981 817 000.