Tivo lugar no auditorio do concello de Rianxo e informouse aos asistentes sobre os 34 proxectos que concorrerán á primeira convocatoria 2018-2019 da medida Leader.
A Asociación de Desarrollo Local Deloa celebrou, no auditorio do Concello de Rianxo, unha reunión da súa Xunta directiva e da súa asemblea xeral, nas que estiveron presentes, a Presidenta da Asociación Deloa, o vicepresidente da Fundación Paideia, a alcaldesa de Outes, os alcaldes de Rianxo, Riveira, Noia e Pobra así como representantes dos Concellos de Porto do Son, Lousame e Dodro, representantes da Asociación Misela, Club Náutico Deportivo de Riveira, asociacións de empresarios de Rianxo, Boiro e Pobra, Asociación Amicos, Asociación da Industria da primeira transformación da madeira, FEGATUR, Asociación Xuvenil Integrados, Ambar, Agadea, Sociedade Histórica e Cultural Coluna San Finx, CMVMC de Froxán e da Fundación Rosalía de Castro.
Os asistentes ás reunións foron informados do estado de situación da medida Leader, aprobaron o informe de seguimento da estratexia de desenvolvemento local participativa correspondente á anualidade 2017, así como as contas xerais do exercicio 2017 e o orzamento de 2018.
Desde xaneiro de 2018 recibíronse un total de 58 demandas de información sobre Leader, que se materializaron na presentación de 34 solicitudes de axuda que concorrerán na primeira convocatoria da anualidade 2018. As solicitudes correspóndense 23 con proxectos produtivos, 8 de proxectos non produtivos presentados por entidades públicas e 3 de proxectos non produtivos presentados por entidades privadas.
Os proxectos presentados son de diversa índole. Así, os produtivos son: adquisición de maquinaria para panadería, creación de crematorio, creación de tanatorio, modernización de empresa de fabricación de maquinaria industrial, posta en marcha dunha lavandería industrial, adquisición de maquinaria para serradoiros, ampliación de empresa de plásticos, creación dunha empresa de fabricación de masas conxeladas doces e salgadas, ampliación de servizos sanitarios, adquisición de equipamento para obradoiro de galletas ecolóxicas, instalación de enerxía fotovoltaica en granxa de coellos, e varios proxectos de creación de novas prazas de oferta aloxativa. En canto aos non produtivos, a creación dunha ruta de sendeirismo, a creación dun albergue para peregrinos, a reprodución dos instrumentos do pórtico de Santa María a Nova, a creación dunha casa da mocidade, a mellora de campos de fútbol, a rehabilitación dun retablo e a compra de vehículos de transporte adaptado.
A finais do mes de xuño está previsto que a Xunta Directiva de Deloa emita a proposta de resolución destes 34 proxectos, presentados á primeira convocatoria 2018-2019. Este mesmo mes, Deloa participará no <em>Evento Leader Galicia 2018, </em>organizado por AGADER.
Ao finalizar as reunións, os asistentes realizaron unha visita a dous proxectos subvencionados a través da medida Leader con cargo á convocatoria 2017-2018. Un deles de carácter non produtivo, promovido polo Concello de Rianxo e que consiste na Intervención arqueolóxica integral de consolidación e restauración da fortaleza de Rianxo “Castelo dá Lúa” e outro de carácter produtivo, situado no polígono empresarial de Rianxo e promovido polo emprendedor Edelmiro Conde. Trátase da modernización dunha empresa de venda por xunto de recambios de electrodomésticos.

