- Os finalistas do Festival, gañadores dunha gravación nun estudio profesional, foron Tremelique, Trioprata, Retranqueiras, Os Mersenarios e Suevia.
- A Asociación de Desarrollo Local Deloa organiza este festival coa finalidade de poñer en valor o patrimonio inmaterial do territorio.
A Praza de Castelao de Rianxo acolleu esta noite o II Festival Interritmos: Baile e música tradicional no que actuaron un total de nove agrupacións de baile e música tradicional chegadas de diferentes puntos do territorio galego.
O Festival, presentado por Belén Xestal, deu comezo coa actuación da Charanga Retranqueira (Ames), seguidas das Pandereteiras Queixumes dos Pinos (Ourense), o Grupo de Baile A.C. Retranqueiros (Ames), Tremelique (O Rosal) e Trioprata (Teo). Finalizaron a xornada as agrupacións Retranqueiras (Ames), Os Mersenarios (Valga), as Cantareiras Madialeva (Meis) e B.M.T Suevia de Porto do Son. As Cantareiras Aires de Barbanza, non puideron actuar por un imprevisto de última hora.
Todos os grupos participantes interpretaron unha obra musical ou unha peza de baile de estilo tradicional. Unha vez que remataron as actuacións, o xurado do Festival, formado por Santiago Lafuente Castromán (Asociación Cultural Festival de la Luz); Che Vázquez Suárez, (experto en música tradicional e construtor de trompa galega), Guillermo Vergara Muñoz, Vicepresidente da Fundación Paideia Galiza e Paca Gago, Xerente da Asociación de Desarrollo Local Deloa, deu a coñecer o veredicto, no que se designaron finalistas ás seguintes agrupacións:
Tremelique, Trioprata, Retranqueiras, Os Mersenarios e Suevia.
Estes cinco finalistas gravarán un single e un vídeo promocional nun estudio de gravación profesional da provincia da Coruña.
O xurado deu a coñecer ademais o nome dos dous gañadores do concurso Cultivando Música, que formarán parte do cartel do Festival de la Luz que se celebrará entre o 7 e o 9 de setembro en Boimorto. As agrupacións que actuarán no Festival da Luz son: Tremelique e Suevia.
Durante o proceso de deliberación do xurado, celebrouse unha foliada na que todas as agrupacións tocaron e bailaron un amplo repertorio de pezas.
A celebración do II Festival Interritmos: Baile e música tradicional está dirixida a potenciar a recuperación e a posta en valor do patrimonio inmaterial, da música e baile do territorio DELOA. Contou coa colaboración do Concello de Rianxo e o Festival de la Luz. A iniciativa enmárcase dentro da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, xestionado nos concellos de Riveira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro, Padrón, Rois, Lousame, Outes, Noia, Muros e Porto do Son, polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local DELOA.