Presentación e Obxectivos

O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía ven sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.

As características esenciais do Leader

Por “enfoque” ou “método” LEADER enténdese un modo de gobernanza participativa, consistente na aplicación combinada e sinérxica de sete características que o definen: enfoque ascendente ou enfoque bottom-up, enfoque territorial, partenariado local, integración multisectorial, traballo en rede, innovación e cooperación interterritorial e internacional.

O enfoque ascendente ou enfoque bottom-up persegue fomentar a participación no desenvolvemento rural dos territorios mediante a implicación das comunidades locais, como os maiores expertos no seu propio territorio. A implicación das comunidades locais inclúe á poboación en xeral, a grupos de interese económico e social e a institucións de carácter público e privado. A comunidade local deberá participar na toma de decisións sobre a estratexia e a selección de obxectivos que deben priorizarse no seu territorio. Polo tanto, é a poboación afectada por problemas e carencia quen posúe a lexitimidade para estudar posibles solucións, deseñar a estratexia de desenvolvemento e, co apoio das institucións e baixo o principio de subsidiariedade poñelas en práctica e responsabilizarse dos seus resultados.

O enfoque territorial baséase nun espazo coherente, socialmente homoxéneo, caracterizado por tradicións comúns, por una identidade local, un sentimento de pertenza ou de expectativas comúns, en definitiva un espazo común no que se implemente a estratexia. O que nos permitirá recoñecer os puntos fortes, as debilidades, as oportunidades e amezas do noso territorio. Pero tamén recoñecer o seu potencial endóxeno, e permitirnos unha estratexia desenvolvemento sustentable de carácter territorial.

O partenariado local son os Grupos de Desenvolvemento Rural en canto formas asociativas nas que se organiza a poboación rural. Trataríase de socios representativos do sector público e privado e procedentes dos diferentes sectores socioeconómicos. O partenariado é un requisito fundamental para unha gobernanza participativa e de calidade, que permite a elaboración e aplicación dunha estratexia de desenvolvemento.

O enfoque multisectorial debe considerar ao medio rural en toda a súa integridade, no que toda programación de desenvolvemento ten que considerar a todos os sectores económicos e sociais, e dende todos os puntos de vista (laborais, de integración, de xénero, de servizos sociais, terceira idade, etc.). Polo tanto, integra distintos sectores de actividade da economía rural, xa que LEADER non é un programa de desenvolvemento sectorial. As medidas e accións incluídas na estratexia deben ter un fundamento multisectorial, integrando varios sectores de actividade.

O traballo en rede permite aos grupos de desenvolvemento, que xa en si mesmos son unha rede, traballar con outros grupos a distintas escalas, tanto rexional, nacional como mesmamente internacional. O traballo en rede é un método de intercambio de inquietudes e experiencias entre todos os actores de desenvolvemento, poñendo en coñecemento de todos os territorios os éxitos acadados, para que se siga o seu exemplo ou para evitar os fracasos. A interconexión entre grupos, axuda a establecer proxectos de cooperación poñendo en contacto os grupos LEADER.

A aplicación de enfoque innovadores nas estratexias permite aportar novas solucións e elementos aos territorios. Refírese tanto ao produto, como ao método, procedemento,  mercado, ou sector social de procedencia ou destino, etc.

A cooperación fomenta e axuda a un grupo a realizar proxectos conxuntos con grupos de outra rexión ou Estado membro, ou incluso cun terceiro país.

Para o período 2014-2020 en Galicia, o enfoque Leader orientarase á consecución prioritaria dos seguintes, obxectivos:

  • Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.
  • Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.
  • Favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.
  • Garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.
  • Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.
  • Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.